• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello proxecta a renovación dos pasos de peóns das avenidas Fisterra e Bergantiños

08/09/2017

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou na súa última reunión ordinaria presentar á Consellería de Política Social o proxecto de renovación dos pasos para peóns das avenidas Fisterra e Bergantiños ao abeiro da convocatoria de subvencións destinadas á mellora da accesibilidade en espazos públicos (DOG número 151 do 9 de agosto de 2017).

A actuación deseñada polo Concello da Laracha afecta aos doce pasos de cebra existentes na estrada AC-552 ao seu paso polos núcleos urbanos da Laracha (Avenida Fisterra) e Paiosaco (Avenida Bergantiños). O obxectivo é xerar nesta estrada, vertebradora das comunicacións en ambas vilas, un itinerario peonil máis seguro para todos os viandantes, en especial para as persoas con diversidade funcional e as que requiren necesidades especiais, pola supresión de barreiras arquitectónicas, o que explica o carácter social do proxecto.

As áreas de actuación das que consta esta obra serían tres. Por unha parte, adaptaríanse os vaos dos pasos para peóns rebaixando os bordillos e colocando un pavimento indicador direccional. Por outra banda, serían instalados novos sistemas de reforzamento lumínico cun alumeado público adicional e específico para cada paso de cebra, aumentando deste xeito a visibilidade nas zonas nas que as persoas teñen prioridade de cruce sobre os vehículos. Por último, contémplase a mellora da sinalización tanto horizontal (repintado) como vertical (colocación de sinais de pasos de peóns con luminarias intermitentes) para unha maior seguridade viaria.

O proxecto está valorado en preto de 85.000 euros. A liña de axudas da Consellería de Política Social –cofinanciadas, á súa vez, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020- á que pretende acollerse o Concello da Laracha establece que a contía máxima da subvención é do 70% do orzamento.

Por outra banda, na reunión de hoxe a Xunta de Goberno Local tamén acordou conceder seis licencias de obra.

Contacto