• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A natureza e a gastronomía, as principais motivacións dos turistas que visitan o Concello da Laracha

02/09/2017

A Oficina de Información Turística do Concello da Laracha vén de elaborar o seu informe correspondente a xullo e agosto, no que se reflicte o perfil das persoas que fixeron uso deste servizo municipal durante os dous meses centrais do verán.

En primeiro lugar cabe salientar que as dúas motivacións principais dos turistas á hora de escoller A Laracha como o seu destino son a natureza e a gastronomía. Neste contexto destacan, por unha banda, a praia de Caión, os roteiros litorais para realizar a pé nesta mesma localidade, a área recreativa de Gabenlle e o paseo fluvial do río Anllóns. Por outro lado, tamén se valora a calidade dos produtos culinarios locais e os establecementos hostaleiros nos que se ofrece a posibilidade de degustalos.

O 23% dos turistas que nos visitaron neste verán son estranxeiros, procedentes principalmente –e por esta orde- de países como Alemaña, Inglaterra, Francia, Suíza e Holanda. Dos visitantes nacionais, por norma xeral a maioría proceden de Madrid e, en menor medida, de Andalucía, Castela e León e outros puntos de Galicia.

Os datos tamén reflicten que o Concello da Laracha é un bo destino tanto para visitar en familia (o 35% dos turistas foron familias con nenos) como para disfrutalo en parella ou con amigos (en torno ao 60%).

Máis da metade dos turistas afirman visitar o Concello da Laracha por primeira vez e nove de cada dez viaxaron en automóbil desde o punto de orixe. 

Sobre o aloxamento, o 45% pernoctaron en diferentes municipios da Costa da Morte e algo máis do 30%, na área metropolitana da Coruña. Á hora de escoller o tipo de hospedaxe primaron os apartamentos (30%) hoteis (25%), caravanas (20%) e camping (12%).

As Oficinas de Información Turística do Concello da Laracha están a funcionar durante o verán no novo edificio administrativo da Laracha (de martes a venres, de 9:00 a 13:30 horas) e na antiga reitoral de Caión (de martes a venres, de 15:30 a 18:30 horas, e o sábado tanto pola mañá como pola tarde).