• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha, a A.C. Queiroga de Paiosaco e o folclore galegos triunfaron no festival de Oleśnica

29/08/2017

O Concello da Laracha e a música tradicional galega da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco deixaron pegada no VI International Folklore Festival and the Harvest Festival of Oleśnica’s community, a sexta edición do festival folclórico que se desenvolveu durante a pasada fin de semana no municipio de Oleśnica, no sur de Polonia. Ademais do país anfitrión e de España, formaron parte do cartel entidades de Italia, Hungría e República Checa.

Ao tratarse dun programa oficial apoiado pola Unión Europea, xunto aos seis membros do grupo de música da Asociación Cultural Queiroga tamén viaxaron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Rocío López, que representaron ao Concello da Laracha nos actos institucionais.

A organización –a cargo da entidade Gminny Ośrodek Kultury Oleśnica- programa este evento cada ano para celebrar a chegada da época da colleita, polo que está moi relacionado coa agricultura, un dos motores económicos da zona na que se leva a cabo. 

O festival constou de tres xornadas -e outras tantas actuacións da Asociación Cultural Queiroga- desenvolvidas en diferentes puntos da mesma rexión: o venres en Wszechświęte, o sábado no pequeno lugar de Zarzysko e o domingo na vila de Sokołowice, onde tivo lugar o acto central. 

En todos os días o éxito de asistencia de público foi rotundo, como tamén o foi a valoración das pezas interpretadas polo grupo larachés, que chamaron a atención dos asistentes por tratarse dunha música moi diferente á do resto de participantes. A organización mostrou o seu interese por volver contar coa Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco en próximas edicións deste festival.

O Concello da Laracha mostra o seu orgullo pola oportunidade que se lle ofreceu para representar á comarca de Bergantiños, a Galicia e a España nun evento internacional destas características, ademais de dar a coñecer o municipio nesa zona centroeuropea e poñer en valor as tradicións, cultura e folclore galegos.