• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

16 mozos participarán nos programas de voluntariado promovidos polo Concello e a Agrupación de Protección Civil

26/07/2017

O Concello da Laracha e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha participan no programa de Voluntariado Xuvenil que impulsa a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A iniciativa vai dirixida a mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, sendo dezaseis a cifra total de participantes, oito en cada unha das accións que se levarán a cabo.

Por unha parte, o Concello da Laracha solicitou formar parte do programa para que oito mozos voluntarios participen como persoal de apoio aos técnicos especializados na aula lúdica e nas actividades culturais e deportivas dos programas municipais.

Por outra banda, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil tamén se acolleu a esta liña de axudas da Xunta de Galicia co propósito de que outros oito mozos voluntarios presten servizo á cidadanía a través de Protección Civil en eventos multitudinarios como a feira de Paiosaco, as festas ou, entre outros, nas xornadas de maior afluencia á praia de Caión.

En ambos casos os voluntarios recibirán a orientación, a formación e o apoio necesarios para o exercicio da súa actividade. Ao rematar a súa participación contarán cun certificado que acredite a súa colaboración no programa e recoñecerá o seu valor social.

O tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, mantivo unha xuntanza no Salón de Plenos con parte dos voluntarios que participarán neste programa.