• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O II concurso A Laracha de Tapas celebrarase do venres 11 ao domingo 13 de agosto

07/08/2017

A Laracha de tapas volve na fin de semana –do venres 11 ao domingo 13 de agosto- coa segunda edición deste certame que o Concello da Laracha organiza co obxectivo esencial de dinamizar o tecido comercial e hostaleiro do municipio, ademais de poñer e valor os produtos de horta da zona ao coincidir o evento coa, tamén, segunda edición da Feira de Horticultura do sábado na Praza do Concello.

Nesta ocasión participan trece establecementos (tres máis que no primeiro concurso), que en todos os casos deberán elaborar as súas tapas con froitas, verduras e legumes e ofrecelas ao público ao prezo de 1 euro o venres (de 20:00 a 24:00 h), sábado (11:30 a 15:00 e 19:00 a 24:00 h) e domingo (11:30 a 15:00 h).

A relación de locais que forman parte da segunda edición de A Laracha de tapas e súa elaboración orixinal son:

  • Hotel-Restaurante ABC: Minestra de legumes con carne de porco en salsa.
  • Amalou: Salpicón en sala de mariscos.
  • Café-Bar Aqua: O volcán.
  • D’Antón Lounge Bar: Arroz a banda con crocante de gamba e alioli.
  • Cervecería Master: Barquillo de piquillo de mar.
  • Café-Bar Esmorís: Albóndegas con verduras e ensalada de arroz.
  • Café-Bar Guadalupe: Andares de tapa.
  • Manhattan Skyline: Croquetas de cabaciña e queixo con chips e as súas salsas.
  • Café-Bar Mariño: Codillo en salsa con puré de pataca e ensalada mixta.
  • O Noso Café: Pastel frío de festa.
  • Café-Bar Os Catro Camiños: Revolto de espinacas en cama de bacon.
  • Bar Sandra: Polbo, grelo e patacas.
  • Bar Sara: Ensalada campeira.

A Laracha de tapas conta con dúas categorías de galardóns. A do xurado profesional está dotada cun primeiro (300 euros) e un segundo premio (250 euros). Os seus membros acudirán identificados a cada local para degustar as tapas, valorar e seleccionar as mellores creacións.

O premio do xurado popular á mellor tapa está dotado con 200 euros e será decidido directamente polos clientes. Cada establecemento terá a disposición do público urnas pechadas e as papeletas para emitir as votacións, que deberán estar debidamente cubertas e contar co selo de tres locais, xa que para votar é imprescindible ter degustado tres tapas diferentes. Todos os consumidores que realicen o seu voto entrarán no sorteo de dous vales de compra de 50 euros achegados pola Asociación de Comercio, Servizos e Industria da Laracha (ACSIL), unha visita á adega Condes de Albarei cedida por Adegas Carballo e unha cesta de produtos de limpeza doada por Prolimbe.

Para facilitar o desenvolvemento das tres xornadas do evento A Laracha de tapas e a información que se ofrecerá ao público, o Concello distribuirá un mapa de localización de todos os establecementos participantes, indicando as tapas que se ofrecen en cada un deles e o seu emprazamento. Ademais, haberá un tren turístico que fará un percorrido continuado entre os trece locais que forman parte do evento e as xornadas estarán amenizadas coas ruadas a cargo dos gaiteiros da Asociación Cultural Santa María de Torás.