• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A segunda edición da Feira de Horticultura da Laracha celebrarase o sábado 12 de agosto

04/08/2017

O sábado 12 de agosto a capital municipal da Laracha acollerá a segunda edición da Feira de Horticultura, organizada polo Concello en colaboración coas asociacións A Terriña e Horta do Noroeste, que se marca como obxectivo poñer en valor tanto os produtos de horta da nosa zona como o labor dos profesionais nos diferentes tipos de cultivos existentes.

O evento foi presentado hoxe no Concello nun acto presidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e no que estiveron presentes representantes das asociacións de produtores e tamén dos locais de hostalería que participarán no II Concurso A Laracha de tapas, que se celebrará ao longo desa fin de semana.

A Feira de Horticultura reunirá na Praza do Concello a unha vintena de profesionais do sector e asociacións que farán exposición, sen venda, dos seus produtos a partir das 10:30 horas. A xornada amenizarase cun showcooking –de 12:00 a 14:00 horas- a cargo do chef Adrián Felípez do Restaurante Miga da Coruña e actividades infantís durante todo o día.

O II Concurso A Laracha de tapas celebrarase do venres 11 ao domingo 13. Participarán trece locais de hostalería da capital municipal, que ofrecerán ao prezo de 1 euro a súa tapa elaborada con produtos de horta. O certame conta con dúas categorías de galardóns: o premio do xurado popular está dotado con 200 euros e será decidido directamente polos clientes, mentres que a categoría do xurado profesional contará cun primeiro (300 euros) e un segundo premio (250 euros).

Para facilitar o desenvolvemento das tres xornadas do evento A Laracha de tapas e a información que se ofrecerá ao público, o Concello distribuirá un mapa de localización de todos os establecementos participantes, indicando as tapas que se ofrecen en cada un deles e o seu emprazamento. Ademais, haberá un tren turístico que fará un percorrido continuado entre os locais que forman parte do evento, ruada con gaiteiros da Asociación Cultural Santa María de Torás e sorteo de regalos para os consumidores.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, referiuse en primeiro lugar á Feira de Horticultura como “un evento que queremos consolidar despois da moi positiva valoración do ano pasado, cando cumprimos todos os obxectivos fixados”. López Varela considera que “isto é algo que lle debíamos aos produtores, porque aquí temos un potencial moi importante e A Laracha representa unha parte destacada da produción de horta en toda Galicia”. Apuntou o rexedor municipal o seu desexo de que a feira axude ao público en xeral “a coñecer os produtos de proximidade e de primeira calidade” que hai na zona a disposición dos consumidores. Concluíu agradecendo a colaboración das asociacións e dos locais de hostalería participantes, agardando “que se manteña esa unión e que xa desde o venres previo ás Festas da Laracha haxa moita actividade na vila”.

A continuación, Cristina Vázquez Souto, representante da asociación Horta do Noroeste, agradeceu ao Concello a organización do evento, que cualifica como “un acto importante no que o ano pasado se cumpriron as expectativas”. Nesta edición pretende “incidir na promoción do consumo dos produtos locais e en que os consumidores lean as etiquetas” no momento de mercalos para coñecer a súa trazabilidade. Tamén se fixa como obxectivo para a feira dar a coñecer o “esforzo importante dos agricultores, que empregamos tecnoloxía de última xeración para que os produtos cheguen ao consumidor coa máxima calidade”.

Os representantes dos locais de hostalería presentes no acto tamén destacaron a boa acollida que tivera o ano pasado a ruta de tapas realizada nestas datas e o concurso celebrado no pasado mes de marzo, esperando “que se repita o éxito”.