• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia o procedemento de contratación dun novo proxecto de mellora da sinalización viaria

03/08/2017

O Concello da Laracha iniciou o procedemento de contratación do proxecto de mellora da sinalización horizontal e vertical en varios puntos da rede de estradas municipais. Os traballos deseñados afectarán aos cascos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, así como a vías rurais das parroquias de Cabovilaño, Soandres e Montemaior.

Esta actuación pretende reforzar a información viaria que se ofrece e facilitar a súa percepción por parte dos condutores e tamén dos peóns, xa que a maioría dos labores que se levarán a cabo afectan a zonas residenciais.

A sinalización horizontal prevista contempla o repintado das marcas viarias, cebreados, isletas e pasos para peóns. A vertical consiste na renovación de sinais deteriorados e a instalación de novos indicadores nos puntos da rede de estradas que así o requiran.

O proxecto está valorado en 30.000 euros, que serán cofinanciados polo Concello da Laracha e a Deputación da Coruña ao tratarse dunha das actuacións incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) “POS+ 2017”.