• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

14 voluntarios iniciarán o martes a actividade no campo de traballo internacional da Laracha deste verán

29/07/2017

O Concello da Laracha e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organizan por cuarto verán consecutivo un campo de traballo internacional, iniciativa que se volve levar a cabo despois das excelentes experiencias das edicións anteriores.

A actividade desenvolverase durante a primeira quincena de agosto, comezando este martes e rematando o día 15. Actualmente están inscritos catorce voluntarios, polo que soamente queda unha praza vacante das quince que foran ofertadas. Haberá participantes chegados desde países estranxeiros (Francia, Italia, Holanda e Alemania), diferentes provincias da xeografía española (Álava, Alicante, Cáceres, Jaén, Sevilla, Vizcaya e Zaragoza) e tamén un galego procedente de Santiago de Compostela.

Todos os voluntarios son mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, colectivo ao que se dirixen estes campos de traballo internacionais.   

O proxecto deste ano cambia a temática e tamén o lugar con respecto a anteriores edicións. Centrarase nunha materia exclusivamente medioambiental tratando de aproveitar as enormes posibilidades que ofrece o termo municipal da Laracha para a práctica deportiva ao aire libre. As áreas de actuación do campo de traballo serán a ruta permanente de BTT (bicicleta de montaña) e varios sendeiros pedestres que discorren por espazos naturais e que dirixen a zonas de relevante valor etnográfico e patrimonial. Os obxectivos son poñer en valor esas zonas deseñando novos sendeiros e redeseñando os existentes, facendo subrutas alternativas ao trazado principal a modo de enlaces ou atallos e levando a cabo a sinalización dos mesmos. 

Durante o desenvolvemento do programa, e tal e como foi habitual nas experiencias anteriores, o traballo específico sobre o terreo realizarase polas mañás. Durante as tardes, os voluntarios realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradicións. Durante a súa estancia aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asumirá ao completo os custes da manutención dos participantes e das actividades culturais que realicen.