• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Lucía Molares anuncia na Laracha o novo concurso público para a venda dos terreos do parque empresarial

26/07/2017

A Directora xeral de Entidad Pública Empresarial de Suelo (Sepes) e presidenta de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Lucía Molares, anunciou hoxe o inicio do novo concurso público que ten por obxecto a venda das parcelas do parque empresarial da Laracha cunha bonificación do vinte por cento con respecto ao prezo inicial establecido. Fíxoo este mediodía nunha rolda de prensa desenvolvida no Concello da Laracha e na que estivo acompañada polo alcalde, José Manuel López Varela, e pola nova xerente de SEA, Mónica Barreras.

O rexedor municipal abriu a quenda de intervencións agradecendo a presenza na Laracha da presidenta e da nova xerente de SEA, lembrando as fluídas relacións co Concello evidenciadas nas reunións mantidas en Madrid nos últimos anos con Lucía Molares, sempre co propósito de tomar medidas para facer máis atractivos para os inversores os polígonos da zona, flexibilizar a compra-venda das parcelas e resolver determinadas cuestións puntuais na propia infraestrutura. 

Para López Varela o anuncio de que Inditex se implantaría no polígono da Laracha significou “un antes e un despois tanto para o parque empresarial como para o propio Concello a nivel económico e social”, o que tamén supuxo “un efecto chamada” a empresas que agora están a mostrar o seu interese por investir no municipio.

Ante esta situación, Lucía Molares, que considera que a día de hoxe o polígono industrial da Laracha “es uno de los de más interés de Galicia”, anunciou que SEA volve sacar a concorrencia pública os terreos aínda dispoñibles e mantendo as bonificacións do concurso anterior “para ser leales con el empresariado de la zona, ofrecer la máxima transparencia y que todo el mundo juegue con las mismas reglas” . Tamén apuntou que a rebaixa do vinte por cento que se aplicará na Laracha suporá que “el precio de salida esté muy en el entorno de precio de coste”, considerando esencial que unha entidade pública como SEA “no obtenga lucro, pero sí recupere la inversión que realizó en su día con dinero público” na urbanización desta infraestrutura. Non obstante, recalcou que o principal interese das empresas a día de hoxe para asentarse nun parque empresarial é axilizar os trámites máis que o prezo do solo.

Como datos concretos, apuntou que, no caso particular da Laracha, serán obxecto deste procedemento 97 parcelas que suman un total duns 259.000 metros cadrados de superficie, o que é practicamente a metade do volume total do parque empresarial, que a día de hoxe xa ten o 50,24 por cento de superficie vendida. A Directora xeral de SEA marcouse como obxectivo que todos os terreos estean alienados en cinco anos, un prazo que o alcalde mesmo se atreveu a reducir “se se materializan as chamadas e propostas que temos recibido nas últimas semanas”. 

Lucía Molares asegurou que no momento actual o crecemento económico se está a deixar notar no movemento empresarial, pero tamén lembrou que nos anos da crise a xestión do solo dos polígonos industriais públicos foi complicada. Recordou que nos últimos tempos “el alcalde de A Laracha ha sido de los que más me han visitado y entre todos hemos tratado de buscar soluciones” desde la inauguración de esta instalación en el año 2012 e felicitou a José Manuel López Varela pola súa “magnífica colaboración y trabajo discreto, que es el secreto del éxito”.

Tanto Molares como López Varela coincidiron en destacar que a actividade no parque empresarial suporá a xeración de postos de traballo, sendo esa a principal preocupación tanto do Concello da Laracha como dunha sociedade pública como SEA.

Procedementos de similares características ao anunciado hoxe sobre o polígono industrial da Laracha tamén se levarán a cabo nos restantes parques empresariais que son titularidade de SEA. A información detallada está dispoñible na web seasuelo.com. En todos os casos o prazo para presentar as ofertas rematará o día 8 de setembro.