• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta de Galicia licita o contrato das obras de restauración do exterior da Igrexa Parroquial de Caión

19/07/2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sacou a licitación o contrato das obras de restauración do exterior da Igrexa Parroquial da Nosa Señora do Socorro de Caión. O anuncio foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) número 134 do pasado venres día 14 de xullo, momento no que se abriu un prazo de vinte e seis días naturais para que as empresas que desexen concorrer a este procedemento aberto poidan presentar as súas ofertas.

Este proxecto farase realidade despois das xestións realizadas polo grupo de goberno local do Concello da Laracha tanto con representantes políticos como cos responsables técnicos da Consellería. A actuación é moi necesaria na igrexa xa que, debido ao seu emprazamento e á exposición aos ventos procedentes do mar, presenta unha serie de problemas relacionados coa humidade e o salitre tanto no exterior como no interior, situación xeneralizada en todo o templo e que prexudica á conservación dos muros e mesmo dos retablos e o mobiliario. 

As obras previstas céntranse principalmente nos muros exteriores da igrexa para tratar de lograr que o aporte de auga sexa o menor posible. O método proposto é a aplicación de morteiros ventilados nos muros interiores e impermeables e transpirables nos exteriores. Con este sistema restauraranse os revocos das fachadas exteriores e asegurarase a correcta drenaxe das augas de choiva coa finalidade de eliminala do interior. Tamén se contemplan actuacións para facilitar o desaugue da cuberta e a substitución das carpinterías exteriores por outras que favorezan a ventilación.   

Tal e como se recolle no propio proxecto, os traballos previstos serán executados con sumo coidado para non danar os paramentos do edificio e tendo especial coidado en non deteriorar o entorno da igrexa.

Esta actuación está valorada en 165.163,92 euros e será financiada integramente pola Xunta de Galicia. Trátase da primeira fase da intervención que precisa o templo. A segunda fase, que se proxectaría unha vez resoltos os problemas exteriores, contemplaría a completa restauración do interior.

O Concello da Laracha aplaude a nova da licitación deste proxecto, dirixido a mellorar o exterior da Igrexa Parroquial da Nosa Señora do Socorro de Caión, emblemático edificio renacentista datado no século XVI. Esta actuación executarase, previsiblemente, de xeito paralelo ás obras de renovación da Praza Eduardo Vila Fano que comezarán a mediados de setembro, despois das Festas dos Milagres.