• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde doa sangue e anima á veciñanza a participar na campaña de verán

18/07/2017

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e os edís José Ramón Martínez Barbeito e Jesús Souto, acudiron esta mañá á unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) que está na Praza do Concello para doar sangue e sumarse á campaña de verán que se presentou no noso municipio o pasado venres.

Deste xeito o rexedor municipal e os concelleiros quixeron dar exemplo e mostrar a súa implicación co propósito de animar aos veciños da Laracha a realizar este xesto solidario e concienciar da importancia de facelo para axudar a manter as reservas nos hospitais.

O procedemento de doazón é rápido, sinxelo e non supón prexuízo algún para o doante, que en todo momento está atendido por profesionais. A unidade móbil permanecerá na Praza do Concello da Laracha tamén na xornada de mañá mércores en horario de 10:00 a 14:30 horas pola mañá e de 16:00 a 21:00 horas pola tarde para atender ás persoas que desexen doar, tanto a aquelas que o fan habitualmente como ás que se deciden a facelo por primeira vez.

O Concello da Laracha presenta a taxa de doazón máis alta da comarca de Bergantiños con 49 por cada mil habitantes e ano segundo os datos facilitados por ADOS. Para poder doar soamente se require ser maior de 18 anos de idade, pesar máis de cincuenta quilos e ter unha saúde normal.