• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha mantense como o Concello con maior taxa de doazón de sangue na comarca de Bergantiños

14/07/2017

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López, presentaron hoxe no Salón de Plenos do Concello a campaña de verán de doazón de sangue que, como cada ano, contará co impulso e a colaboración municipal. 

Segundo os datos achegados por ADOS, o Concello da Laracha mantense por terceiro ano consecutivo como municipio coa maior taxa da comarca de Bergantiños, situándose nas 49 doazóns por cada mil habitantes e ano. Aínda que o noso municipio rexistrou un lixeiro descenso do número de doazóns total con respecto ao ano anterior, atópase dentro da taxa recomendada pola Organización Mundial da Saúde e por riba da media da provincia da Coruña (45) e de Galicia (41). 

José Manuel López Varela agradeceu que ADOS escollese un ano máis A Laracha para presentar a campaña de verán, agradeceu a solidariedade da veciñanza e animou aos laracheses a “realizar o pequeno esforzo de doar sangue porque nesta época do ano e cando máis se precisa”. O rexedor municipal mostrou a plena disposición do Concello para colaborar con ADOS, lembrando que está en marcha unha campaña informativa que inclúe buzoneo -repartiranse en torno a dúas mil cartas nas vivendas-, bandos municipais e difusión nas redes sociais.

Marisa López agradeceu a implicación do Concello da Laracha nesta campaña e nas que ADOS desenvolve ao longo de todo o ano, salientando o “resultado excelente” en canto á taxa de doazón de sangue, que sitúa ao noso municipio no posto 49 do total de Galicia, o que considera é “un orgullo e un sinal identitario da Laracha”. 

A directora de ADOS referiuse ao grupo 0+ como o que conta con menos reservas actualmente. Tamén fixo un chamamento á mocidade, asegurando estar “moi orgullosos e agradecidos cos doantes fieis que levan anos colaborando con nós, pero tamén é importante que se animen a facelo os mozos”. Nese sentido apuntou que o Concello da Laracha rexistrou 32 novos doantes o ano pasado.

Por último, Marisa López lembrou que “non é facil xestionar todas as necesidades que se presentan no verán nos hospitais galegos”, polo que animou a “achegarse a doar unha vez ao ano” xa que “en realidade todos somos beneficiarios das doazóns, aínda que non sabemos cando as precisaremos”.

Co propósito de facilitar e promover a doazón de sangue no municipio, todos os meses do ano desprázase ata a Praza do Concello da Laracha unha unidade móbil de ADOS. O martes e o mércores da próxima semana estará en horario de 10:00 a 14:30 pola mañá e de 16:00 a 21:00 horas pola tarde. O 25 de agosto achegarase ata as localidades de Paiosaco e de Caión. Os únicos requisitos para doar son ter entre 18 e 65 anos, pesar máis de 50 quilos, ter unha saúde normal e superar as probas de tensión e niveis de hemoglobina que se fan na propia unidade móbil.

Contacto