• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello renova a cuberta do pavillón polideportivo de Xermaña

15/07/2017

O Concello da Laracha iniciou a execución do proxecto de renovación da cuberta do pavillón polideportivo municipal de Xermaña, na parroquia de Caión. A actuación está valorada en preto de 70.000 euros e está a ser desenvolvida por Construcciones López Cao, S.L.

O proxecto contempla a instalación dun novo revestimento sobre o antigo existente. Entre ambas capas colocarase unha manta de la de vidro para, deste xeito, mellorar as condicións térmicas da instalación e evitar que se produzan condensacións.

Tanto o deseño da obra como o material que se empregará nela respectarán as características orixinais da cuberta e da instalación, polo que a luz cenital exterior continuará penetrando no interior do pavillón. Ademais, realizaranse actuacións especiais de remate nos puntos singulares da infraestrutura e substituirase o revestimento perimetral, mellorándose por tanto a estética.

Estas obras estanse acometendo sen interferir nas actividades do pavillón, polo que non provocan ningún tipo de molestias aos seus usuarios.

O polideportivo de Xermaña é un dos cinco pavillóns municipais cos que conta o Concello da Laracha. Os outros catro sitúanse no complexo deportivo do Campo de Fútbol Municipal da Laracha, no IES Agra de Leborís, no CEIP Otero Pedrayo e no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco.

Contacto