• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha inicia en Caión a campaña anual de desbroce nas estradas municipais

06/07/2017

A campaña de desbroce das vías municipais xa está en marcha no Concello da Laracha co obxectivo de eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas. As actuacións comezaron a executarse na parroquia de Caión, incluíndo os accesos á praia por tratarse do ámbito de maior tránsito de vehículos nesta época do ano, un traballos que completan os xa realizados nas últimas semanas polas cuadrillas medioambientais municipais no paseo marítimo, áreas de aparcadoiro e zonas axardinadas da zona. Precisamente nese lugar o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro Jesús Souto mantiveron un encontro cos operarios que están a executar os traballos. 

Os labores de roza da rede viaria municipal son un servizo que permite frear o crecemento da vexetación, mellorando a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzando a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público nas estradas.

Do mesmo xeito que en pasados exercicios, a campaña de desbroce afectará a todas as estradas, vías, pistas asfaltadas e camiños forestais que existen no municipio e que en total superan os seiscentos quilómetros lineais, tendo en conta que en certos puntos da rede viaria será preciso facer a roza dúas veces desde agora e ata finais do mes de setembro. Tamén se contempla a limpeza das parcelas e terreos de titularidade municipal.

O programa de actuacións estase a desenvolver en varias fases, realizando os traballos nun primeiro momento nas zonas consideradas como prioritarias xa que, polas súas especiais características ou por albergar eventos de interese xeral, están a acoller ou acollerán en próximas datas unha notable afluencia de persoas. Despois de en Caión, actuarase nas outras doce parroquias do municipio.

Os traballos que inclúe a campaña de roza do Concello da Laracha están valorados nun total de 90.000 euros e financiaranse integramente con fondos propios municipais. Despois do procedemento público para a súa contratación, ao que concorreron quince empresas, os tres lotes referidos ao desbroce das estradas foron adxudicados a Trafober S.L. e o correspondente á limpeza das parcelas e terreos municipais, a Jardincelas S.L.