• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aberto o prazo de inscrición no servizo municipal Madrugadores para alumnos dos tres colexios do Concello

08/07/2017

O Concello da Laracha abriu o luns 8 de xullo o prazo de inscrición no servizo municipal Madrugadores que comezará a ofertarse ao alumado do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión desde o inicio do próximo curso escolar 2017-2018.

Madrugadores será un servizo que se prestará nos días lectivos a través do Programa Harmoniza, referente nacional en material de conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Ten como obxectivo principal responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os seus horarios laborais cos escolares dos seus fillos, garantindo a atención dos menores antes do inicio das clases nos colexios, desde as 7:00 horas, por persoal cualificado, co que realizan actividades lúdicas e educativas, ademais de ter a posibilidade de recibir un almorzo equilibrado.

As persoas interesadas en beneficiarse de Madrugadores deben acudir ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha (novo edificio administrativo), onde poderán ampliar información sobre o contido deste programa e as diferentes modalidades que se ofrecen para adaptarse ás necesidades de cada usuario: mes completo, días soltos e uso ocasional, en todos os casos coa opción de incluír ou non o almorzo.

Os únicos requisitos que deben cumprir os beneficiarios son estar matriculados no centro educativo para o que solicitan o servizo e o abono da cota mensual correspondente, que varía dependendo da modalidade escollida e que, en todo caso, estará subvencionada nun 30% polo Concello da Laracha. Así mesmo, tamén será necesario alcanzar un mínimo de quince usuarios fixos no CEIP Otero Pedrayo da Laracha, dez no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e seis no CEIP de Caión, cifras establecidas atendendo ao número de estudantes matriculados en cada colexio.

Ao longo deste verán o Concello da Laracha realizará todos os trámites previos que require a posta en marcha de Madrugadores, incluíndo a aprobación da ordenanza que en próximas datas será presentada á Corporación municipal. O servizo, que se porá en marcha coa colaboración dos equipos directivos dos colexios e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, será prestado por unha empresa externa contratada para tal fin polo Concello da Laracha.

Descarga

Folla de Inscrición