• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha porá en marcha o servizo municipal de Madrugadores nos tres colexios no próximo curso escolar

26/06/2017

O Concello da Laracha é un referente no ámbito nacional entre os municipios do seu mesmo estrato de poboación en materia de fomento da conciliación e corresponsabilidade na vida persoal, familiar e profesional no ámbito local. Así foi recoñecido recentemente pola Federación Española de Municipios e Provincias e o Instituto de la Mujer y para la igualdad de oportunidades, que premiou o Programa Harmoniza, a iniciativa municipal a través da que se presta o servizo de aula lúdica baixo a coordinación do Centro de Información ás Mulleres (CIM), dependente da Concellería de Servizos Sociais.

Na procura de continuar avanzando neste eido, o Concello da Laracha, por medio do propio Programa Harmoniza, porá en marcha nos centros de educación infantil e primaria da Laracha (CEIP Otero Pedrayo), Paiosaco (CEIP Alfredo Brañas) e Caión o servizo municipal de Madrugadores no próximo mes de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar 2017-2018. Esta iniciativa foi presentada polo alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, e a directora do CIM, Ana Aldao, a representantes dos equipos directivos deses tres colexios na reunión mantida hoxe no Concello.

Ao longo deste verán o Concello da Laracha realizará todos os trámites previos que require a posta en marcha de Madrugadores. Por unha banda, solicitarase a aprobación do programa aos Consellos Escolares de cada centro e á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a habilitación para ese uso dos espazos necesarios nas propias instalacións dos colexios. Ademais, será presentada á Corporación municipal o texto da ordenanza que regulará o novo servizo, que será prestado por unha empresa externa, polo que en próximas datas será convocado un concurso público.

Á marxe da tramitación administrativa, para a posta en marcha do programa será necesario alcanzar un mínimo de quince beneficiarios no CEIP Otero Pedrayo da Laracha, dez no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e seis no CEIP de Caión, cifras establecidas atendendo ao número de estudantes matriculados en cada colexio.

Os alumnos que se acollan a Madrugadores poderán acudir os días lectivos ao centro de ensino no que estean matriculados desde as 7:00 horas, onde permanecerán ata o inicio da actividade no colexio ao cargo de persoal especializado e realizando actividades ludorecreativas. Existirán as modalidades con ou sen almorzo, podéndose acoller cada usuario á que mellor se adapte ás súas necesidades. En todos os casos o Concello da Laracha subvencionará o trinta por cento do custe fixo do servizo. As cotas a aboar por cada usuario variarán tendo en conta a modalidade escollida (con ou sen almorzo) e dos recursos económicos de cada familia beneficiaria.

Con esta iniciativa o Concello da Laracha pretende dar a mellor resposta ás necesidades que se lles presentan a cada vez máis familias residentes no termo municipal, para as que a diferenza de horarios no inicio da actividade laboral dos proxenitores e nos centros de ensino para os nenos dificultan a conciliación. Cabe lembrar que o Concello da Laracha ofrece ao longo de todo o ano o servizo gratuíto de aula lúdica municipal para nenos de 3 a 12 anos, estando dispoñible polas tardes durante o curso escolar e polas mañás no verán.