• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobados por unanimidade todos os puntos do Pleno extraordinario

15/06/2017

Os catro grupos políticos con representación no Pleno da Corporación municipal da Laracha aprobaron por unanimidade todas as cuestións que foran elevadas, por iniciativa do goberno local, á sesión extraordinaria celebrada hoxe.

Deste xeito, o Concello da Laracha confirma a súa adhesión ao programa Cidades Amigas da Infancia que impulsa UNICEF Comité Español co propósito de promover a aplicación da Convención sobre os Dereitos do Neno (aprobada pola ONU en 1989) no ámbito dos municipios. Do mesmo xeito, o Concello obterá o Selo de Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia e contará co apoio e colaboración de UNICEF para o desenvolvemento, mellora continua e innovación das políticas de infancia e adolescencia no municipio.

Tamén houbo pleno consenso nos asuntos de índole económica. Así, as sociedades Industrias de Diseño Textil S.A. e Ambulancias e Pompas Fúnebres San Antonio beneficiaranse da bonificación do 95% no imposto municipal sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), tal e como permite a ordenanza fiscal número 17. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que a cota xeral do ICIO no Concello da Laracha é do 0,3% do importe do proxecto e que todas as empresas que se instalaron no polígono se favoreceron deste desconto, que considera é “un reclamo para poder captar investimentos, e máis polo importante movemento que está xerando a chegada de Inditex á Laracha”.

Acordouse a aprobación inicial do expediente de modificación de crédito número 1/2017 –o primeiro do exercicio económico en curso- na modalidade de suplemento de crédito. López Varela informou que o motivo deste cambio nos presupostos é “realizar os axustes correspondentes para poder financiar a parte que lle corresponde ao Concello da obra de construción do viveiro de empresas no polígono industrial”. O proxecto está valorado nun total de 359.000 euros, contándose coa colaboración económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. A achega municipal será de 136.126,08 euros que, trala aprobación do suplemento de crédito, serán financiados con cargo a anulacións e baixas noutras aplicacións orzamentarias para gastos inicialmente previstos, pero aos que finalmente non será preciso facer fronte.

Por último, aprobouse o recoñecemento extraxudicial de créditos para facturas –por concepto de subministración eléctrica en instalacións municipais, mantementos de infraestruturas públicas, actividades deportivas e programas de servizos sociais- pertencentes a 2016 que non puideron ser aboadas con fondos do exercicio anterior ao ser remitidas ao Concello polos provedores trala entrada do novo ano. En total suman 20.174,89 euros, que pasan a aplicarse á partida de gastos de 2017.