• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Celebrada nova reunión da Mesa sectorial de coordinación policial sobre violencia de xénero

05/06/2017

A Mesa sectorial de coordinación policial en materia de violencia de xénero celebrou hoxe unha nova reunión periódica co obxectivo de optimizar o traballo que se desenvolve sobre esta temática e facilitar a colaboración entre os representantes dos distintos poderes públicos.

Estiveron presentes na xuntanza José Manuel López Varela (alcalde do Concello da Laracha), Rocío López (edil responsable de muller, entre outras áreas), Ana Aldao (directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha), Higinio Pena (comandante do posto da Garda Civil da Laracha) e Víctor Vilanova (xefe da Policía Local da Laracha). 

Tal e como é habitual nestas reunións de traballo, repasáronse os acordos da última xuntanza e valoráronse os protocolos e mecanismos de coordinación a desenvolver por parte dos diferentes profesionais do Concello e das forzas e corpos de seguridade ante casos de violencia de xénero. 

Tamén se revisaron as ordes de protección vixentes, coas altas, baixas e incidencias producidas nos últimos meses, e foron abordadas cuestións relacionadas co programa ATEMPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero.

Por último, salientar que quedou fixada a próxima reunión para o vindeiro día 16 de outubro.

Cabe lembrar que a Mesa de coordinación en material de violencia de xénero do Concello da Laracha está subdividida en outras dúas mesas: a de cooperación policial (a que se reuniu hoxe) e a formada polos profesionais dos centros educativos e do centro médico da Laracha, cuxa última xuntanza foi na semana pasada.

As reunións periódicas destas dúas mesas sectoriais son iniciativas que desde hai anos se desenvolven no Concello na loita contra a violencia de xénero e que, xunto ás actividades e programas que se levan a cabo especialmente baixo a coordinación do CIM, levan á Laracha a ser un referente nesta materia no ámbito nacional.