• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Delegado territorial da Xunta visita as obras de construción da senda peonil e ciclista A Laracha-Paiosaco

07/06/2017

As obras de construción da senda peonil e ciclista que unirá os cascos urbanos da capital municipal da Laracha e de Paiosaco avanzan a bo ritmo de execución. Así o comprobou Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, nunha visita ao lugar no que se están a acometer os traballos, onde estivo acompañado polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Patricia Bello.

Despois de apenas un mes desde o inicio das primeiras actuacións, os labores de desmonte están moi avanzados en todo o percorrido que ocupará a senda, xa están realizadas as canalizacións soterradas dos servizos e os operarios céntranse agora na instalación do bordillo que separará a zona verde e a área peonil da nova infraestrutura pública que está a ser creada na estrada comarcal AC-552.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia inviste máis de 716.000 euros neste proxecto, cofinanciado polo programa operativo FEDER Galicia 2014-2020. O propósito é favorecer unha mobilidade segura e sustentable neste tramo de 1.500 metros de distancia facilitando o tránsito a pé e en bicicleta entre as dúas localidades.

Cabe lembrar que actualmente está en fase de licitación un segundo proxecto de similares características que consiste na creación da senda peonil e ciclista entre A Laracha e a estrada o Igrexario de Cabovilaño, actuación que tamén afecta á estrada AC-552 e que permitirá mellorar a seguridade viaria nunha distancia de 1,9 quilómetros, incluíndo a glorieta de O Cancelo que dá acceso á autoestrada AG-55 e ao parque empresarial.