• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha celebrou o Pleno ordinario correspondente ao mes de maio

26/05/2017

No Concello da Laracha celebrouse hoxe o Pleno ordinario correspondente ao mes de maio, ao que se elevaron cuestións de mero trámite administrativo. A sesión comezou cun minuto de silencio gardado en sinal de loito polas vinte e catro mulleres falecidas (máis un caso en investigación) en España no que vai de ano vítimas de violencia de xénero.

Os representantes de todos os grupos políticos acordaron, por unanimidade, aprobar a concesión dunha bonificación do 95% no imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) para unha actuación de rehabilitación dunha vivenda promovida por unha persoa que se atopa en situación de emerxencia social. Esta posibilidade está recollida no artigo 6 da ordenanza fiscal número 17.

Por outra banda, deuse conta á Corporación  das 126 resolucións de Alcaldía emitidas entre o 31 de marzo e o 12 de maio, así como do período medio de pagamento aos provedores durante o primeiro trimestre do ano.

Tamén se deu conta da liquidación do exercicio económico 2016. Neste punto o alcalde, José Manuel López Varela, explicou que as contas, que deixan un remanente de 1.803.975,14 euros, “reflicten a saneada situación económica do Concello da Laracha”.

Por último foron aprobadas dúas mocións, tamén por unanimidade de todos os grupos. Nunha delas ínstase ao Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas a revisar o deseño e aplicación da regra de gasto contida na Lei Orgánica 2/2012, do 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira para permitir ás administracións públicas a reinversión do superávit da liquidación orzamentaria. 

Na outra moción, relacionada coa posta en marcha do Plan de accesibilidade do transporte interurbano ó centro urbano da Coruña, acordouse dirixirse ao propio Concello da Coruña para que á maior brevidade execute as obras correspondentes e emita a autorización das licencias municipais para que a Xunta de Galicia poida acometer as actuacións de adecuación das paradas que son das súa responsabilidade.