• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Ethel Vázquez avanza que a senda peonil e ciclistas que conectará A Laracha con Paiosaco estará rematada a finais deste ano

05/05/2017

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde, José Manuel López Varela, supervisou o inicio das obras da senda peonil e ciclistas na estrada AC-552 entre A Laracha e Paiosaco, que estará rematadas a finais deste ano.

A execución deste proxecto forma parte do Plan de Sendas de Galicia na comarca de Bergantiños, que ten como obxectivos favorecer unha mobilidade segura e sustentable e mellorar as respectivas contornas mediante a integración das sendas na paisaxe. Estas actuacións serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

As obras do itinerario peonil e ciclista entre A Laracha e Paiosaco afectan a un treito de máis de 1,5 km de lonxitude, proxectado pola marxe esquerda da estrada, que dará continuidade ás beirarrúas xa existentes comunicando as zonas dos principais equipamentos. Estas actuacións contarán cun investimento superior aos 700.000 euros.

A titular de Infraestruturas precisou que, de xeito paralelo, a Xunta continúa traballando no proxecto da segunda senda prevista neste Concello, entre A Laracha e a estrada do Igrexario de Cabovilaño, cuxa licitación está prevista para este mesmo mes de maio.