• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O PROGRAMA MUNICIPAL PARA FESTEXAR AS LETRAS GALEGAS E O SAN ISIDRO INCLÚE PROPOSTAS CULTURAIS E SOCIAIS

06/05/2017

O Concello da Laracha presenta o programa municipal co que se festexan conxuntamente o Día das Letras Galegas e tamén o San Isidro Labrador, a data na que se rende homenaxe aos moitos veciños que dedicaron parte da súa vida á agricultura e á gandería, sectores de destacada importancia histórica e tamén actual na Laracha. Como en anteriores edicións neste ano a proposta centrarase en actividades ludorecreativas para os nenos, espectáculo folclórico, eventos sociais e tamén en resaltar a figura do autor Carlos Casares.

A primeira das iniciativas que se porá en marcha consistirá no obradoiro infantil Adiviñas. Vai dirixido a nenos maiores de cinco anos de idade. Haberá tres sesións que se levarán a cabo a partir das 18:00 horas nas bibliotecas municipais  de Caión (venres 12), Paiosaco (luns 15) e A Laracha (martes 16).

O domingo 14 desde as 12:00 horas na Casa da Cultura da Laracha ofrécese o concerto infantil de Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc. Esta proposta realizarase coa colaboración da Xunta de Galicia a través do programa falaRedes impulsado no marco da Rede de Dinamización Lingüística, da que forma parte o Concello da Laracha.

A vida e obra do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2017 centrarán tanto a exposición que se poderá ver na biblioteca municipal da Laracha durante todo o mes de maio baixo o título Carlos Casares Mouriño: o coleccionista de historias, como tamén os dous contacontos O contador de contos (xoves 18 na biblioteca da Laracha ás 18:00 h) e Os contos de Toribio (venres 19 na biblioteca de Paiosaco ás 18:00 h), sendo o primeiro deles a cargo de Marisa Irimia e o segundo, interpretado polo coñecido cómico Pedro Brandariz.

O sábado 20 pola tarde, no pavillón do IES Agra de Leborís, terá lugar unha nova edición da Festa Homenaxe aos nosos maiores, que consistirá nunha misa (inicio ás 13:00 horas), xantar e baile. As entradas continúan á venda ao prezo de 10 euros nos centros sociais da Laracha (servizos múltiples), Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa) e Caión (antiga casa reitoral).

Na xornada do domingo 21 a música e o baile tradicionais galegos serán os grandes protagonistas. As asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión actuarán a partir das 18:00 horas na explanada do IES Agra de Leborís. No caso de que as condicións climatolóxicas non sexan favorables, o espectáculo tería lugar no pavillón dese mesmo centro de ensino.

Neste programa municipal tamén se inclúen, como cada ano, as exposicións dos traballos realizados polos veciños da Laracha que veñen participando desde o pasado mes de outubro nos diferentes cursos do programa municipal de actividades de inverno.

A exposición da Laracha será a primeira en abrirse o venres 19 a partir das 20:00 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha. Poderá visitarse ata o mércores día 24 en horario de 17:00 a 21:00 horas.

Para o venres día 26 están programadas as aperturas das mostras de Caión (antiga casa reitoral) e de Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa). En ambos casos poderanse visitar durante esa fin de semana de 17:00 a 20:00 horas.