Deportes
O SÁBADO 6 DE MAIO, 7ª EDICIÓN DA MASTERCLASS DE AERÓBICOS
29/04/2017
Por sétimo ano consecutivo o Concello da Laracha organiza a Masterclass de aeróbicos, unha das citas deportivas de referencia na programación municipal durante a primavera, que se celebrará o próximo sábado, día 6 de maio entre as 17:30 e as 19:30 horas no pavillón do IES Agra de Leborís.
Nas dúas horas de duración do evento practicaranse diferentes modalidades deportivas que combinan o fitness e a música, como aeróbic, zumba, zumba kids (dirixido especialmente a nenos), body combat e body balance.
O Concello da Laracha convida a asistir ao evento a todos os veciños que así o desexen, estando recomendada a participación a todas as persoas, independentemente da súa idade ou condición física. Non se require inscrición previa e a participación será totalmente gratuíta.
A Masterclass de aeróbicos realízase como proposta complementaria aos programas de actividades municipais que se desenvolven ao longo de todo o ano e que tamén inclúe disciplinas similares ás que se realizarán durante o evento do próximo sábado.
Nas seis edicións anteriores da Masterclass contouse con máis dun centenar de participantes, cifra que o Concello da Laracha agarda alcanzar tamén neste ano.