Concello
O CONCELLO AMPLÍA O PARQUE INFANTIL DA ÍNSÚA, XUNTO AO COLEXIO DE CAIÓN
25/04/2017
No termo municipal da Laracha existen en total dezaoito parques infantís públicos situados nos centros de ensino, nas vilas e tamén en zonas rurais, nos principais puntos de encontro e reunión dos veciños residentes nas parroquias.
Un deles sitúase na zona da Ínsua, nas inmediacións do CEIP de Caión, sendo o principal da vila polo seu tamaño e emprazamento nun ámbito frecuentado a diario por nenos de todas as idades, tanto no verán como ao longo de todo o curso escolar.
O Concello da Laracha vén de acometer unha actuación dirixida a aumentar en 21 metros cadrados a superficie deste parque infantil. No ámbito foron instalados novos xogos adaptados para ser empregados por bebés e nenos de ata cinco anos de idade. Ademais, foi colocado o pavimento de caucho en todo o ámbito para unha mellor seguridade dos usuarios.
A nova zona ampliada do parque infantil da Ínsua xa está dispoñible e a disposición dos veciños de Caión e os visitantes.