• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

COMEZAN AS OBRAS DE MELLORA DA REDE VIARIA NA PARROQUIA DE VILAÑO

19/04/2017

O Concello da Laracha iniciou hoxe a execución do proxecto de mellora da rede viaria municipal na parroquia de Vilaño, que inclúe actuacións en cinco estradas e alcanza un orzamento total de 80.000 euros.

A primeira fase das obras afecta a vía que comunica os núcleos de Amboade e A Fraga, onde os operarios xa traballan na limpeza das cunetas e na formación dos arcéns. Ademais de renovarse o pavimento, a calzada vai ser ancheada ata alcanzar os cinco metros ao longo de un quilómetro e medio de lonxitude. Mentres se executan as obras non se permitirá a circulación dos vehículos, desviándose o tráfico polo lugar de Ferreiros.

Precisamente a vía entre Amboade e Ferreiros será a seguinte actuación que se vai desenvolver –nese momento, o tráfico desviarase pola estrada que está a ser reparada nestes momentos-. Neste caso a lonxitude alcanza os 1.550 metros lineais, onde o pavimento será renovado para facilitar a circulación dos vehículos. Traballos de similares características acometeranse, despois, na estrada Amboade-Vista Alegre, no acceso a Os Canedos e no núcleo de Os Meáns.

Nas cinco actuacións a mellora da superficie de rodadura completarase coa correspondente sinalización horizontal e vertical.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, Jesús Souto, edil responsable da área de Obras Públicas, e o concelleiro Antonio Fraga realizaron hoxe unha visita ao lugar das obras –na estrada entre Amboade e A Fraga- para coñecer persoalmente o desenvolvemento dos primeiros traballos.

Contacto