• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO CAMPO DE TRABALLO INTERNACIONAL DA LARACHA

20/04/2017

Despois das excelentes experiencias dos últimos veráns, o Concello da Laracha volverá organizar, por cuarto ano consecutivo, un campo de traballo internacional, iniciativa que se levará a cabo na primeira quincena do mes de agosto coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

O programa vai dirixido a mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Das quince prazas dispoñibles hai cinco reservadas para voluntarios galegos, sendo as outras dez prioritariamente para persoas procedentes doutros lugares de España ou do estranxeiro. En anteriores edicións, nos campos de traballo organizados polo Concello da Laracha contouse con participantes de diversas comunidades autónomas españolas e, tamén, de países europeos, asiáticos e americanos. O prazo de inscrición está aberto desde o venres 21 de abril. Na web xuventude.net pódese ampliar toda a información ao respecto. 

O proxecto deste ano cambia a temática e o lugar. Centrarase nunha materia exclusivamente medioambiental tratando de aproveitar as enormes posibilidades que ofrece o termo municipal da Laracha para a práctica deportiva ao aire libre. As áreas de actuación do campo de traballo serán a ruta permanente de BTT (bicicleta de montaña) e varios sendeiros pedestres que discorren por espazos naturais e que dirixen a zonas de relevante valor etnográfico e patrimonial. Os obxectivos son poñer en valor esas zonas deseñando novos sendeiros e redeseñando os existentes, facendo subrutas alternativas ao trazado principal a modo de enlaces ou atallos e levando a cabo a sinalización dos mesmos. 

Durante o desenvolvemento do programa, e tal e como foi habitual nas experiencias anteriores, o traballo específico sobre o terreo realizarase polas mañás. Durante as tardes, os voluntarios realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradicións. Durante a súa estancia aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asumirá ao completo os custes da manutención dos participantes e das actividades culturais que realicen. 

Contacto