• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O SERVIZO DE ASESORAMENTO XURÍDICO DO CIM AMPLÍA O SEU HORARIO

13/04/2017

O servizo de asesoramento xurídico do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha xa está a funcionar coas novas condicións establecidas no contrato recentemente asinado entre o Concello da Laracha e Bermor Abogados S.L., a sociedade que presentou a proposta máis favorable das once que concorreron ao procedemento de adxudicación.

O horario de atención da avogada é o seguinte:

  • Luns: de 9:00 a 15:00 h.
  • Xoves: de 16:30 a 20:30 h.
  • Venres: de 9:00 a 15:00 h.

O asesoramento xurídico é un dos servizos principais que se ofrecen gratuitamente no CIM da Laracha -ademais da atención psicolóxica e a asistencial prioritaria para as vítimas da violencia de xénero, así como a outros colectivos en vulnerabilidade ou risco de exclusión social-. O labor da adxudicataria do contrato abarca todos os tipos de consultas que en materia legal precisen solucionar as mulleres larachesas, abarcando dereito familiar, civil, fiscal, administrativo, laboral, xustiza gratuíta e de estranxeiría.

Deste xeito o Concello da Laracha continuará prestando asesoramento xurídico permanente e de calidade aos usuarios do CIM, un dos principios de actuación que está a facer deste servizo municipal nos últimos anos un referente a nivel nacional.

Para o cofinanciamento de toda a actividade que se desenvolve no CIM, o Concello da Laracha conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020 a través do programa de apoio aos CIM que promove a Secretaría Xeral de Igualdade.