• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

MONCHO BORRAJO, EVARISTO CALVO, OSWALDO DIGÓN E QUICO CADAVAL, NO 5º FESTIVAL DO HUMOR DA LARACHA

15/04/2017

O Concello da Laracha renova a súa aposta por ofrecer espectáculos cómicos de alta calidade na quinta edición do Festival do Humor, programa xa consolidado como un dos grandes referentes nas propostas culturais municipais da primavera.

Este ano volvemos contar cun cartel de auténtico luxo, xa que pola Casa da Cultura pasarán catro dos mellores monologuistas galegos que tamén está a triunfar cos seus espectáculos a nivel nacional. Trátase dun festival moi completo, con shows para diferentes idades e gustos, e todos eles dunha calidade incuestionable.

O encargado de abrir o cartel será Moncho Borrajo o día 5 de maio. O artista ourensano fará unha parada na Laracha no seu percorrido por todo o país, onde encheu grandes teatros en diferentes cidades do panorama nacional.

O venres 12 Evaristo Calvo estreará no noso Concello o seu último espectáculo no que interpreta a “O Barrantes”, a súa personaxe da serie da TVG Casa Manola. O monólogo está baseado en feitos reais contados dun xeito peculiar, sabio e retranqueiro.

Oswaldo Digón actuará por primeira vez na Laracha o día 19. O cómico lucense é, sen dúbida algunha, o presente do humor galego. Co seu espectáculo Gente triste, apto para todos os públicos, está a triunfar desde hai meses no teatro Muñoz Seca de Madrid, onde actúa todos os sábados.

Por último, o venres 26 contaremos coa presenza de Quico Cadaval, o considerado mestre de todos os contadores de historias galegos. O cómico ribeirense deleitará ao público presente co seu peculiar xeito de entender a vida e contar as cousas que suceden ao seu arredor.

Para facilitar a asistencia do público xuvenil e adulto, ao que se dirixe preferentemente o V Festival do Humor, os monólogos serán sempre en venres, na Casa da Cultura da Laracha e a partir das 22:00 horas.

As entradas sairán á venda para o público en xeral o mércores (19 de abril) e poderanse adquirir na Casa do Concello ao prezo reducido de cinco euros por cada espectáculo.