• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

AS CERDEIRAS PLANTADAS NO CAMPO DA FEIRA DE PAIOSACO PRESENTAN A SÚA PRIMEIRA FLORACIÓN

06/04/2017

O Concello da Laracha substituíu no pasado mes de marzo as tuias existentes nun dos laterais do recinto principal do Campo da Feira de Paiosaco (no tramo entre a Avenida Bergantiños e a rúa Eduardo Pondal) por oito exemplares de cerdeiras que, apenas dúas semanas despois de ser plantadas, xa presentan a día de hoxe a súa primeira floración.

Desde o Concello da Laracha estanse a levar a cabo diferentes iniciativas para aportar valor á Feira das Cereixas de Paiosaco, celebración gastronómica que ten lugar no primeiro domingo do verán (neste ano, o 2 de xullo) e que conta coa distinción de Festa Interese Turístico de Galicia.

Precisamente ese foi o motivo da elección das cerdeiras que, ademais da súa simboloxía, tamén presentan un destacado valor ornamental que se resalta no lugar no que foron ubicadas, situado a apenas cen metros da Rúa das Cereixas, tamén paralela á Avenida Bergantiños.

Cabe lembrar que o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Rocío López, acompañados por unha trintena de veciños, visitaron nesta semana o Valle del Jerte, onde retomaron os contactos coa Mancomunidade de Municipios dese lugar –coa que o Concello da Laracha ten asinado un protocolo de colaboración- para avanzar cara a futura organización de propostas de interese turístico, social e cultural, sempre coas cereixas como fío condutor e elemento común e integrador.