• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

TRES ESPECTÁCULOS COMPOÑEN O PROGRAMA DA PRIMAVERA TEATRAL DE PAIOSACO

01/04/2017

O Concello da Laracha presenta o programa da sétima edición do ciclo de teatro de Paiosaco. A Primavera Teatral, que se desenvolverá ao longo do mes de abril no auditorio do centro sociocultural da citada localidade e constará de tres espectáculos de alta calidade.

O Concello da Laracha volve apostar por achegar o teatro á veciñanza en xeral, con propostas especialmente dirixidas ao público adolescente e adulto na que o humor será o principal protagonista.

A primeira función será O rueiro das liortas, que traerá a Paiosaco o día 7 de abril a compañía Elefante Elegante. Trátase dunha comedia baseada na arte italiana e no teatro popular na que se afonda nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. Vai dirixida a maiores de oito anos de idade. 

O venres 21 de abril ofrécese O ferro, da compañía Teatro del Andamio. A obra céntrase na historia dun matrimonio, que leva catorce anos xunto, e o seu fillo. O reparto está formado por Gema Ulloa, Nacho Martín e Fran Giraldo.

O ciclo pecharase o 28 de abril con O furancho, espectáculo a cargo das cómicas Isabel Risco e Marián Bañobre.

Todas as pezas poranse en escena no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco a partir das 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta.

A Primavera Teatral de Paiosaco está afianzada como un dos grandes referentes na programación cultural municipal que o Concello da Laracha desenvolve ao longo do ano.