• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O EXERCICIO ECONÓMICO 2016 PÉCHASE CUN REMANENTE DE TESOURERÍA SUPERIOR AOS 1,8 MILLÓNS DE EUROS

28/03/2017

O departamento de intervención vén de emitir o informe sobre a liquidación dos orzamentos do exercicio económico 2016, no que se pon de manifesto a saneada situación económico-financeira do Concello da Laracha. O dato máis destacado é o remanente de tesourería, que ascende a 1.803.975,14 euros

O documento tamén recolle o incremento en torno ao quince por cento tanto no capítulo de gastos (o crédito inicial era de 7.220.424,67 e, o definitivo, de 8.837.058,91 euros) como no de ingresos (da previsión inicial de 7.901.340,75 euros pasouse aos 9.017.974,99 euros rexistrados ao peche do exercicio). Esta circunstancia reflicte a característica cautela do goberno local á hora de deseñar os presupostos.

No apartado de gastos resáltase o esforzo na mellora das infraestruturas de titularidade municipal, a decidida aposta pola cobertura en servizos sociais, o apoio ao asociacionismo (entidades culturais e educativas, clubs deportivos e comisións de festas) e a colaboración cos estudantes e as súas familias a través das bolsas municipais.

En canto aos ingresos, o incremento rexistrado explícase polas transferencias de capital achegadas por outras administracións debido á participación nas diferentes convocatorias de axudas e subvencións. Os capítulos referidos aos impostos directos e indirectos non sufriron modificación algunha con respecto ás previsións iniciais, manténdose o compromiso da súa conxelación por parte do goberno local. O Concello da Laracha tampouco enaxenou bens municipais e non acudiu a operacións de préstamo, polo que segue presentado unha situación de débeda cero.

Os servizos económicos municipais destacan no informe o elevado nivel de execución orzamentaria, situándose a maior parte dos capítulos por riba do oitenta por cento. A cifra é aínda máis elevada no referido aos pagamentos, xa que no pasado exercicio foron abonadas o 99,92% das obrigas recoñecidas, respectando en todos os trimestres os prazos legalmente establecidos para o abono das facturas aos provedores.

As contas presentadas reflicten o estrito cumprimento tanto do obxectivo de estabilidade orzamentaria (maiores ingresos que gastos de natureza non financeira) como da regra de gasto (a variación do gasto con respecto ao exercicio anterior non superou a taxa de referencia do crecemento do PIB determinado polo Ministerio de Economía).

Este balance da liquidación do exercicio económico 2016 avala as políticas municipais desenvolvidas tanto no último ano como nos anteriores, baseadas na xestión responsable dos recursos dispoñibles para manter a excelente cobertura en infraestruturas, instalacións e programas que se prestan desde o Concello, sen presentar endebedamento e conxelando os tributos e taxas municipais.