• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A XUNTA DE GALICIA E O OPERADOR R DOTARÁN Á ZONA INDUSTRIAL DA LARACHA CON ACCESO DE BANDA LARGA A INTERNET

27/03/2017

A Xunta de Galicia incluíu á zona industrial da Laracha no Plan de Banda Larga que se desenvolverá ao longo deste ano. Deste xeito facilitarase ás empresas implantadas nese ámbito o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 25 Mbps de subida, cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas. Será grazas ás vantaxes que ofrecen as redes FTTH, que levan a fibra óptica ao propio usuario nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R.

Ademais, o citado operador galego de telecomunicacións  porá a disposición das empresas a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital, ofrecéndolles solucións na nube como a videoconferencia ou a posibilidades de empregar os seus equipamentos e o software como servizo, sen necesidade de asumir un investimento previo. As sociedades tamén terán á súa disposición o acceso ao servizo Internet das cousas (IoT), relacionado coa eficiencia enerxética, control de intrusión nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos, entre outros.

O Plan de Banda Larga está impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que subvencionará estes despregamentos nas dez áreas industriais obxecto da iniciativa –entre elas, a da Laracha- cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2014-2020.

A dotación con este novo equipamento á zona industrial da Laracha por parte da Xunta de Galicia será un novo incentivo para a captación de empresas neste ámbito caracterizado polo seu terreo chan, excelentes comunicacións, a súa situación estratéxica e a completa cobertura en servizos, incluíndo a rede de gas.