• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

ENTREGADOS OS DIPLOMAS DOS CURSOS FORMATIVOS ORGANIZADOS POLO CONCELLO E A CÁMARA DE COMERCIO

23/03/2017

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, Rocío López, edil responsable da área de Promoción Económica, e María Fernández en representación da empresa Cendá Gestión Creativa, encargada de impartir as accións formativas, fixeron hoxe entrega dos diplomas aos alumnos que participaron nos cursos para mozos de ata trinta anos de idade que se impartiron no Concello da Laracha baixo a organización da Cámara de Comercio da Coruña. O acto desenvolveuse nas instalacións da Casa da Cultura da Laracha.

Este programa formativo tivo por finalidade esencial ampliar os coñecementos e capacidades profesionais de mozos para mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles novas posibilidades de integración no mercado laboral. Estivo dividido en dúas partes. A primeira consistiu na formación troncal común para todos os alumnos, cunha duración de 65 horas. A continuación leváronse a cabo as accións formativas específicas, dividindo aos participantes entre os que realizaron o curso de coaching comercial e os que se centraron nas operacións básicas de cociña e manipulación de alimentos. En ambos casos foron 60 horas lectivas. 

Estas accións formativas contaron co cofinanciamento da Cámara de A Coruña, a Cámara de Comercio de España, o Fondo Social Europeo e o Ministerio de Empleo y Seguridad Social. Os destinatarios foron mozos menores de trinta nos de idade inscritos no Fichero Nacional de Garantía Juvenil,  en situación de desemprego e dados de alta no Plan PICE das Cámaras de Comercio.