• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A FEMP PREMIA AO PROGRAMA HARMONIZA DA LARACHA E PONO COMO EXEMPLO DE BOAS PRÁCTICAS MUNICIPAIS A NIVEL NACIONAL

22/03/2017

A Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) vén de facer pública a valoración da Comisión de Seguimento dos proxectos presentados ao programa de axudas para actuacións a desenvolver polos Gobernos Locais dirixidas a facilitar a posta en marcha de accións para fomentar a transversalidade de xénero e a conciliación e corresponsabilidade na vida persoal, familiar e profesional no ámbito local. 

O Concello da Laracha presentara o Programa Harmoniza, que obtivo a puntuación máxima (10) por parte da Comisión de Seguimento e será un dos catro municipios españois de menos de 20.000 habitantes premiado. Ademais dos 10.000 euros para o financiamento do proxecto, a subvención concedida sitúa ao Concello da Laracha como un referente nacional entre os municipios españois do mesmo estrato de poboación no desenvolvemento e implementación de plans en materia de conciliación. 

Neste sentido, José Manuel López Varela –alcalde-, Rocío López –edil responsable das áreas de Servizos Sociais e Muller- e Ana Aldao –directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e responsable técnica do Programa Harmoniza-, representará á Laracha na Mesa de experiencias municipais sobre conciliación e corresponsabilidade que se vai desenvolver este venres a partir das 10:00 horas en Madrid no marco das I Jornadas de Formación e Intercambio de Buenas Prácticas Municipales organizadas pola FEMP e o Instituto de la Mujer y para la igualdad de oportunidades. Os outros concellos participantes serán La Solana (Ciudad Real), Huetor de Vega (Granada) e Lorquí (Murcia). 

O Programa Harmoniza é o servizo gratuíto da aula lúdica que o Concello da Laracha pon a disposición da súa veciñanza para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias con nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Durante o período escolar o horario é de 16:30 a 20:30 de luns a venres, ampliándose durante o verán, Semana Santa e Nadal. O persoal especializado en educación infantil que está a cargo da aula lúdica municipal desenvolve diariamente diversas actividades (xogos, manualidades, contacontos, etc.), centrando a súa temática na educación en corresponsabilidade, a tolerancia, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a prevención de todo tipo de violencia, especialmente a de xénero.

Este recoñecemento ao Programa Harmoniza chega un ano despois de que a propia FEMP e o Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad galardoasen ao Concello da Laracha nos Premios a las Buenas Prácticas en las Entidades Locales, nese caso recoñecendo o labor realizado a través do CIM polo seu tratamento integral e de proximidade na atención e apoio ás mulleres vítimas da violencia de xénero.