• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

EN MARCHA AS OBRAS DE URBANIZACIÓN EXTERIOR E MELLORA DO PAVILLÓN DO CEIP OTERO PEDRAYO

10/03/2017

As obras referidas á urbanización exterior e á mellora do equipamento do pavillón do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha xa están en fase de execución. José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, Jesús Souto, edil de Urbanismo e Obras Públicas, comprobaron persoalmente o desenvolvemento das primeiras actuacións previstas. Os traballos estanse acometendo sen interferir na actividade que se desenvolve tanto no polideportivo como no propio recinto do colexio.

A actuación de maior entidade está a ser a adecuación do entorno do polideportivo, que inclúe a canalización dos servizos de recollida de pluviais e das redes de abastecemento. Posteriormente procederase á súa pavimentación para acondicionar o exterior de xeito que quede perfectamente integrado no lugar no que se sitúa o pavillón.

Tamén está proxectada a mellora na instalación eléctrica e no alumeado existente. No interior colocáronse máis puntos de luz coa capacidade necesaria para posibilitar a actividade nocturna no polideportivo. 

Ademais acometeranse certos traballos de carpintería metálica (centraranse na mellora dos portais de acceso e as proteccións na zona da bancada) e dotarase con novo equipamento para facilitar o desenvolvemento de diferentes disciplinas deportivas, especialmente do baloncesto dado que esta instalación acolle desde primeiros de ano gran parte dos adestramentos das escolas municipais.

Estas actuacións son financiadas integramente con fondos propios municipais e alcanzan os 60.000 euros de investimento. O goberno local xa contemplara nos orzamentos xerais municipais as correspondentes partidas económicas para poder levar a cabo as obras.