• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

RESTAURANTE CHOUSA BELLA, PRIMEIRO PREMIO DO XURADO PROFESIONAL E POPULAR DA I EDICIÓN DE A LARACHA DE TAPAS

13/03/2017

A primeira edición do concurso A Laracha de tapas desenvolvida durante a pasada fin de semana baixo a organización do Concello foi un rotundo éxito. Os dez locais de hostalería participantes despacharon desde o venres ao domingo en torno a 5.000 elaboracións ao prezo de 1 euro, sorprendendo pola súa orixinalidade e calidade.

O Restaurante Chousa Bella (Avenida Fisterra, 77), co seu “solombo de porco con xamón e queixo do país en follado con salsas de queixos”, ofreceu a mellor tapa segundo os criterios tanto do xurado profesional como do popular, obtendo os primeiros premios en ambas categorías, dotados con 300 e 200 euros respectivamente. Segundo os responsables deste local, durante os tres días servíronse 700 tapas e empregáronse 47 quilos de solombo. 

O “Pimillao Mariño”, co que concursou o Café Bar Mariño (Avenida de Caión, 6), foi galardoado co segundo premio do xurado profesional, dotado con 250 euros.

Cabe lembrar que o xurado profesional estivo composto por José Manuel Pato González (Presidente de Honra da Gran Orde Gastronómica da Costa da Morte), Fernando Correa Paredes (propietario de GastroBar A Ventana e organizador de TapeArte, a ruta de tapas de Laxe) e José Antonio Domínguez Loureiro (blogger gastronómico e xestor da web www.rutasyrestaurantes.com). 

O xurado popular formárono todos os clientes que consumiran tres tapas diferentes e depositaran os seus votos nas urnas habilitadas para tal fin nos locais participantes. En total foron rexistrados 508 votos, dos cales 102 foron para a creación do Restaurante Chousa Bella, a mellor valorada.

Todas as persoas que emitiron o seu voto participaron no sorteo, realizado pola Asociación de Comercio, Servizos e Industria da Laracha (ACSIL), dos tres vales de compra de 50 euros para gastar nos locais, comercios e negocios socios da entidade. As afortunadas foron Nerea Mallo Martínez, María Díez Eirís e Teresa Evangelista Regueira.

En todos os casos, o acto de entrega dos premios terá lugar na Gala de Comercio que organiza ACSIL, coa colaboración do Concello, e que se vai desenvolver o domingo día 26 de marzo pola tarde na Casa da Cultura da Laracha.

Desde o Concello da Laracha mostramos a nosa satisfacción por ter alcanzado os obxectivos fixados co desenvolvemento de A Laracha de tapas: potenciar o turismo, dar un impulso ao sector comercial local e crear un escaparate para que os locais de hostalería da capital municipal puidesen darse a coñecer mostrando ao público as súas creacións.