• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

FINALIZAN OS CURSOS FORMATIVOS ORGANIZADOS POLO CONCELLO E A CÁMARA DE COMERCIO

08/03/2017

Os cursos formativos para mozos de ata trinta anos de idade que se impartiron no Concello da Laracha baixo a organización da Cámara de Comercio da Coruña remataron hoxe coa celebración do acto de clausura nas instalacións do centro sociocultural de Lendo, ao que asistiron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego e Promoción Económica, Rocío López.

Este programa formativo tivo por finalidade esencial ampliar os coñecementos e capacidades profesionais de mozos de entre 18 e 30 anos de idade para mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles novas posibilidades de integración no mercado laboral.

Estivo dividido en dúas partes. A primeira consistiu na formación troncal común para todos os alumnos, cunha duración de 65 horas. A continuación leváronse a cabo as accións formativas específicas, dividindo aos participantes entre os que realizaron o curso de coaching comercial e os que se centraron nas operacións básicas de cociña e manipulación de alimentos. En ambos casos foron 60 horas lectivas. Nos próximos días os alumnos que completaron o curso recibirán o correspondente diploma acreditativo.

José Manuel López Varela mostrouse satisfeito polo desenvolvemento no Concello da Laracha de cursos destas características, xa que son “unha moi boa posibilidade para a inserción no mercado laboral”. O rexedor municipal afirmou que “desde o Concello seguiremos facendo todo o que estea nas nosas mans para axudar a atopar un posto de traballo aos veciños que están en situación de desemprego”, polo que considera fundamental “a formación en sectores profesionais con demanda de emprego”.

Estas accións formativas contaron co cofinanciamento da Cámara de A Coruña, a Cámara de Comercio de España, o Fondo Social Europeo e o Ministerio de Empleo y Seguridad Social. Os destinatarios foron mozos menores de trinta nos de idade inscritos no Fichero Nacional de Garantía Juvenil,  en situación de desemprego e dados de alta no Plan PICE das Cámaras de Comercio.