• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

CELEBRADA NOVA REUNIÓN DA MESA SECTORIAL DE COORDINACIÓN POLICIAL SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO

20/02/2017

A Mesa sectorial de coordinación policial en materia de violencia de xénero celebrou unha nova reunión periódica co obxectivo de optimizar o traballo que se desenvolve sobre esta temática e facilitar a colaboración entre os representantes dos distintos poderes públicos.

Estiveron presentes na xuntanza José Manuel López Varela (alcalde do Concello da Laracha), Rocío López (edil responsable de muller, entre outras áreas), Ana Aldao (directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha), Judit Fontela (xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno na Coruña), Juan Carlos Rabuñal (axente do posto da Garda Civil da Laracha) e Víctor Vilanova (representando á Policía Local da Laracha). 

Tal e como é habitual nestas reunións de traballo, repasáronse os acordos da última xuntanza e valoráronse os protocolos e mecanismos de coordinación a desenvolver por parte dos diferentes profesionais do Concello e das forzas e corpos de seguridade ante casos de violencia de xénero, así como as ordes de protección vixentes, as altas, as baixas e as incidencias producidas nos últimos meses. Neste punto consensuáronse novos métodos para mellorar a cooperación ante posibles casos de violencia de xénero sen denuncia previa co propósito de garantir a seguridade tanto das vítimas como do propio persoal técnico do CIM.

Por outra banda, abordáronse cuestións relacionadas coa Administración da Xustiza, expoñendo a conveniencia de que se abra o acceso ao sistema de rexistros SIRAJ ao posto da Garda Civil da Laracha coa finalidade de facilitar o acceso á información e axilizar as comunicacións para, en definitiva, mellorar a protección ás vítimas.

Tamén se realizou un seguimento do programa ATEMPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero.

Por último, salientar que quedou fixada a próxima reunión para o vindeiro día 5 de xuño.

Cabe lembrar que a Mesa de coordinación en material de violencia de xénero do Concello da Laracha está subdividida en outras dúas mesas: a de cooperación policial (a que se reuniu hoxe) e a formada polos profesionais dos centros educativos e do centro médico da Laracha, cuxa última xuntanza foi o pasado día 6 de febreiro.