• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A PRÓXIMA SEMANA COMEZARÁN AS OBRAS DE URBANIZACIÓN EXTERIOR E MELLORA DO PAVILLÓN DO CEIP OTERO PEDRAYO

17/02/2017

O Concello da Laracha investirá con fondos propios municipais a cantidade de 60.000 euros na mellora do equipamento e na urbanización exterior do pavillón do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha. A recente entrada en vigor dos novos orzamentos xerais municipais permite agora dispoñer das partidas económicas contempladas para tal fin cando foron deseñados os presupostos no pasado mes de decembro.

Está previsto que as obras comecen a executarse a próxima semana, e acometeranse sen interferir na actividade que se desenvolve tanto no polideportivo como no propio recinto do colexio.

A adecuación do entorno da instalación deportiva para proceder á posterior pavimentación –contemplando, tamén, a canalización dos servizos de recollida de pluviais e das redes de abastecemento e sumidoiros- será a actuación máis ampla. Deste xeito, o exterior quedará perfectamente acondicionado e adecuado ao lugar no que se sitúa o pavillón.

Xa no interior, está proxectada a mellora na instalación eléctrica e no alumeado existente. Colocaranse máis puntos de luz coa capacidade necesaria para posibilitar a actividade nocturna no polideportivo.

Ademais acometeranse certos traballos de carpintería metálica (centraranse na mellora dos portais de acceso e as proteccións na zona da bancada) e dotarase con novo equipamento para facilitar o desenvolvemento de diferentes disciplinas deportivas, especialmente do baloncesto dado que esta instalación acolle desde primeiros de ano gran parte dos adestramentos das escolas municipais.

O Concello da Laracha puxo o pavillón polideportivo do CEIP Ramón Otero Pedrayo a disposición do centro tralas vacacións de Nadal. A construción desta infraestrutura supuxo un investimento de 520.000 euros, aos que agora se suman os 60.000 euros que se achegará con fondos propios municipais para mellorar o seu aspecto exterior e os servizos e equipamentos do interior.