• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A LARACHA ACOLLERÁ UN CURSO OFICIAL DE MONITOR EN ACTIVIDADES DE TEMPO LIBRE

13/02/2017

A Escola Galega de Tempo Libre, en colaboración co Concello, impartirá na Laracha entre os meses de marzo e xuño un curso oficial de monitor en actividades de tempo libre dirixido a persoas maiores de dezaoito anos de idade e que teñan, canda menos, os estudos de graduado en ESO ou equivalente.

Esta acción formativa de carácter presencial consta de dúas fases. A teórico-práctica terá unha duración total de duascentas horas e desenvolverase nas instalacións da Casa da Cultura da Laracha os sábados, na Semana Santa e nos festivos en horario de mañá e de tarde. No programa do curso inclúese temática relacionada coas áreas psicosociolóxica, animación e xogos, saúde, lexislación, técnicas de acampada e educación ambiental.

A fase práctica consistirá en catorce días de actividade en programas de tempo libre. O Concello da Laracha facilitará a realización das prácticas aos participantes durante o desenvolvemento das actividades e campamentos de verán municipais.

Os alumnos que completen de xeito óptimo esta acción formativa estarán en disposición de obter o título oficial, xa que a Escola Galega de Tempo Libre está recoñecida pola Xunta de Galicia como entidade para a formación e titulación de monitores e directores de actividades de tempo libre e especialistas en campos de traballo.

Hai 25 prazas dispoñibles para a realización deste curso. O prazo de inscrición xa está aberto e debe formalizarse acudindo á Casa Consistorial. Na web www.escolagalegadetempolibre.es tamén se pode ampliar información ao respecto.

Todos os veciños empadroados no Concello da Laracha que realicen este curso poderán favorecerse dunha bonificación na cota de inscrición.

Tríptico Descargable