• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A LARACHA SERÁ SEDE DUN PROXECTO DE IRMANDAMENTO DE CIDADES NO MARCO DO PROGRAMA “EUROPA PARA OS CIDADÁNS”

03/02/2017

O Concello da Laracha será sede do 23 ao 29 de maio do proxecto Creating bridges for a Civic and Democratic Europe (Creando pontes para unha Europa cívica e democrática), que se desenvolverá no marco do programa Europe for Citizens (Europa para os cidadáns).

Trátase dunha iniciativa de irmandamento con municipios de Italia (Forza D’Agro), Malta (Birgu), Letonia (Ligatne), Lituania (Ukmerge) e Eslovaquia (Obec Kiarov) que hoxe foi presentada no salón de plenos do Concello da Laracha, contándose coa presenza da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, que mostrou ao alcalde, José Manuel López Varela, e á concelleira Rocío López, o apoio da Xunta de Galicia. 

En plena consonancia cos obxectivos xerais do programa Europe for Citizens, o proxecto impulsado polo Concello da Laracha procura buscar un maior achegamento entre municipios europeos  para lograr intercambios económicos, sociais, culturais e xuvenís para, deste xeito, cooperar no desenvolvemento de todos os participantes.

Creating bridges for a Civic and Democratic Europe reunirá no Concello da Laracha a 42 representantes dos municipios citados anteriormente -procedentes de diferentes rexións da Unión Europea- co propósito de promover a comprensión mutua, mellorar a tolerancia entre cidadáns, fomentar a diversidade lingüística e contribuír ao diálogo intercultural.

A metodoloxía será diversa, contemplándose actividades como reunións, obradoiros, debates públicos e, entre outros, intercambios de boas prácticas. Tamén se realizarán visitas guiadas a puntos de interese da zona. En todo caso, promoverase o diálogo intercultural, a diversidade de coñecementos e os distintos valores de cada participante por medio da comparación construtiva de opinións para acadar o enriquecemento mutuo e definir dereitos fundamentais comúns. 

José Manuel López Varela quixo destacar que “a sinatura do xuramento de fraternidade que se levará a cabo entre os asistentes tamén será unha excelente ocasión para crear unha cooperación duradeira e dirixida a abrir vías para levar a cabo intercambios, actividades de voluntariado e prácticas profesionais para a xuventude, entre outras posibilidades”.