• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

PERMANECE ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NOS CURSOS DE INFORMÁTICA E PILATES DO PROGRAMA MUNICIPAL

28/01/2017

No mes de febreiro comezarán a desenvolverse novos cursos do programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno, que se está levando a cabo con notable éxito de participación por parte da veciñanza.

No curso de iniciación á Internet cubríronse todas as prazas inicialmente ofertadas para os martes de 19:30 a 21:00 horas. Por ese motivo o Concello da Laracha creou unha segunda quenda, que se realizará os mércores nese mesmo horario, e para a que aínda quedan prazas dispoñibles.

Así mesmo, as persoas interesadas tamén poden inscribirse no curso de iniciación ao paquete Office, que inclúe a aprendizaxe de programas como o Word, Access, Excel e PowerPoint. Neste caso a data na que se realizarán as clases será todos os venres.

Estes cursos de informática terán lugar no edificio de servizos múltiples da Laracha e finalizarán no mes de abril.

Por outra banda, o mércores da próxima semana comezarán as tres quendas de pilates, actividade que se desenvolverá en sesións semanais dunha hora de duración no baixo da biblioteca municipal da Laracha. As dúas primeiras quendas (inicio ás 18:00 e ás 19:00 horas) van dirixidas ao público en xeral e, a terceira (inicio ás 20:00 horas), a persoas con coñecementos previos desta disciplina. En todos os casos o curso rematará en abril.

A cota de inscrición é de 20 euros para toda a duración de cada actividade, contemplándose descontos para maiores de 65 anos de idade, menores de 18, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego. Tamén hai reducións no prezo a partir da segunda actividade na que se inscriba unha mesma persoa.