• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O PUNTO LIMPO E O SERVIZO RECOLLIDA DE VOLUMINOSOS A DOMICILIO ALCANZARON OS 1.500 USUARIOS EN 2016

25/01/2017

Ao longo do ano 2016 a entidade que xestiona tanto as instalacións do punto limpo da Laracha como o servizo de recollida de voluminosos a domicilio -a Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber)- atendeu a máis de 1.500 usuarios.

Como datos máis concretos, á citada instalación municipal acudiron durante os pasados doce meses en torno a 1.100 veciños do Concello da Laracha co propósito de desfacerse dos residuos que polas súas especiais características non poden ser depositados nos colectores de lixo. Ademais, realizáronse máis de catrocentas saídas para prestar o servizo de recollida de voluminosos a domicilio.

No referido ás cifras máis significativas, salientar que no punto limpo da Laracha foron recollidos e correctamente xestionados no ano que vén de rematar, entre outros residuos: 

• 1.151 litros de aceites vexetais e minerais. 

• 1.078 quilos de material téxtil.

• 1.225 quilos de plásticos (incluídos os de invernadoiros). 

• 600 envases con restos de sustancias tóxicas ou perigosas. 

• 15 toneladas de aparellos electrónicos, equipos informáticos e electrodomésticos (televisores, frigoríficos, conxeladores, ordenadores, radios, etc).  

• 27 toneladas de restos de obras (tellas, vidro plano, madeira, metais, etc.). 

• 227 fluorescentes desbotados.

• 30 quilos de pilas. 

• Preto de 700 unidades de voluminosos (principalmente colchóns e sofás).

O Concello da Laracha valora de maneira moi positiva tanto a xestión dos servizos por parte de Aspaber como os datos de usuarios que reflicten os informes de 2016. Ao mesmo tempo lembramos que o punto limpo da Laracha é un servizo municipal que está a disposición de todos os veciños de xeito gratuíto. A instalación sitúase xunto á ponte do Formigueiro, moi preto do casco urbano da capital municipal. Está aberta ao público os luns, mércores e venres pola tarde e os sábados en horario matutino e vespertino. O servizo de recollida de voluminosos a domicilio (mércores, xoves e venres pola mañá) tamén é gratuíto e pode concertarse cita poñéndose en contacto con Aspaber por vía telefónica ou por correo electrónico.

Ademais, desde o pasado verán tamén está operativa unha nova infraestrutura vinculada ao punto limpo, consistente nun novo depósito para o almacenamento temporal de residuos de materia vexetal e tamén de plásticos de silo e invernadoiros emprazado no parque empresarial da Laracha. Deste xeito facilitouse o labor de Aspaber e tamén o transporte do material por parte dos usuarios.