• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O CONCELLO PAGOU 2 MILLÓNS DE EUROS A PROVEDORES NO ÚLTIMO TRIMESTRE E CUN PERÍODO MEDIO DE ABONO DE 26,49 DÍAS

22/01/2017

O departamento de Intervención do Concello da Laracha vén de emitir o informe relativo ao período medio de pagamento ao provedores do cuarto e último trimestre do ano 2016, que unha vez máis reflicte a boa situación económico-financeira.

O documento indica que se está a realizar os abonos nunha media de 26,49 días. Por tanto, unha vez máis ponse de manifesto cos datos oficiais a celeridade á hora de tramitar e pagar as facturas, mesmo adiantándose aos prazos establecidos na Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira.

Datos de especial relevancia e que indican o volume de actividade desenvolvida no termo municipal no último trimestre do ano pasado é que nos meses de outubro, novembro e decembro de 2016, o Concello da Laracha realizou 609 operacións de pagamento a provedores por un importe total de 1.960.943,34 euros.

O documento xa está dispoñible na sección de “servizos económicos” da web municipal e darase conta do mesmo á Corporación municipal no Pleno ordinario que se celebrará o venres da próxima semana.