• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O CONCELLO ULTIMA O PROCEDEMENTO DE CONTRATACIÓN DE PROXECTOS QUE SUPOÑEN UN INVESTIMENTO TOTAL DE 910.000 EUROS

18/01/2017

O Concello da Laracha está a completar o procedemento de contratación dunha serie de proxectos de mellora das infraestruturas públicas municipais que alcanzan en total os 910.000 euros de investimento. As obras acometeranse en once das trece parroquias, afectando tanto a puntos dos núcleos urbanos como a zonas rurais.

No casco urbano da Laracha investiranse 258.000 euros en dous proxectos. Un deles suporá a remodelación completa dos 1.780 metros cadrados de superficie da Praza do Concello, onde será cambiado o pavimento, pero mantendo o seu actual deseño e todos os seus elementos. A outra actuación consiste na renovación das beirarrúas en Epifanio Campo Núñez –un punto estratéxico ao tratarse da rúa de acceso ao centro médico e punto de atención continuada da Laracha- para mellorar a accesibilidade e adaptala a persoas con diversidade funcional.

En Caión tamén están proxectadas outras dúas actuacións, valoradas nun total de 230.000. Por unha parte, o Concello da Laracha tamén vai remodelar a céntrica praza Eduardo Vila Fano, que alcanza os 1.917 metros cadrados de superficie cun novo pavimento de adoquín. Ademais, cambiarase a cuberta do pavillón polideportivo de Xermaña, obras necesarias para mellorar a instalación e que se van acometer sen interferir nas actividades que se desenvolvan nela, polo que non afectará aos seus usuarios.

O resto dos investimentos en fase de contratación e que está previsto adxudicar en próximas datas céntranse na mellora da rede viaria, unha cuestión prioritaria para o goberno local para ofrecer boas comunicacións rodadas entre os máis de trescentos núcleos de poboación rural que existen no termo municipal. As obras afectan a estradas das parroquias de Soandres (Compañeiro, Condesuso, O Corgo, O Pazo, Paradela e Vilariño), Vilaño (Amboade, A Fraga, Ferreiros, Os Canedos, As Avieiras e Os Meáns), Torás (A Gándara e estrada DP-1913 a Ponte Martín), Golmar (As Orxeiras, A Pedra, Folgueiros, A Fonteseca e San Cristovo), Montemaior (San Fins, O Ramiscal, O Cebro e As Cernadas), Cabovilaño (A Forxa e Nogán), Caión (A Pedreira), Coiro (Godón, A Pedra, O Rapadoiro, A Ferrulleira, Merelle, O Alto e A Fraga), Erboedo (San Paio) e Lemaio (Oldán e A Estrada).