• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A OMIC DO CONCELLO DA LARACHA OFRECE ASESORAMENTO ÁS PERSOAS AFECTADAS POLAS CLÁUSULAS CHAN

12/01/2017

A oficina municipal de información ao consumidor (OMIC) da Laracha –situada na Casa do Concello- está a disposición de toda a veciñanza para ofrecer información e asesorar sobre os pasos que se deben seguir no procedemento específico das reclamacións relativas á inclusión das cláusulas chan nos créditos hipotecarios.   

 

O Tribunal Supremo declarara nulas as cláusulas chan, pero limitadas aos efectos posteriores ao 9 de maio de 2013. No pasado mes de decembro o Tribunal de Xustiza da Unión Europea modificou ese criterio, establecendo o carácter retroactivo ao momento da incorporación de dita cláusula nos créditos hipotecarios.   

 

Por tanto, a sentenza dá dereito aos consumidores á devolución das cantidades indebidamente cobradas, restablecéndose deste xeito a situación na que se atoparían de non existiren as cláusulas chan. Non terán impedimentos para reclamar os titulares de hipotecas finalizadas, vencidas ou canceladas nin tampouco os que asinaran algún tipo de acordo coa entidade financeira renunciando a posteriores reclamacións.   

 

Coa colaboración do Instituto Galego de Consumo –dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia-, a OMIC está a asesorar a todas as persoas interesadas sobre os trámites a levar a cabo: como deben cubrirse os formularios tipo de cada entidade bancaria, onde deben presentarse as instancias, que documentación é preciso achegar, etc. Nas últimas semanas rexistrouse un importante incremento no número de usuarios deste servizo municipal, precisamente despois de facerse pública a citada sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.   

 

Na OMIC do Concello da Laracha tamén se ofrece asesoramento sobre outras cláusulas bancarias consideradas abusivas, ademais de atender queixas, consultas ou reclamacións sobre calquera cuestión relacionada co exercicio dos dereitos dos consumidores.

Compartir: