• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

Pazo de GraxalVoltar a listaxe de Patrimonio

Praza Eduardo Vila Fano, Caión

Este edificio de titularidade privada preside a céntrica Praza Eduardo Vila Fano de Caión.

Pódese dicir que o Pazo de Graxal constitúe unha parte importante da historia da vila e do porto de Caión, así como do Concello da Laracha.

É un edificio de planta rectangular con muros de cantaría irregular granítica. Ten dúas plantas e a cuberta resolta a catro augas con tella do país.

Un dos laterais do edificio sufriu un alongamento que se distingue en planta por un ancho menor. Na fachada destaca unha porta con arco de medio punto. O resto dos vanos son pequenos ocos moi espazados. A fábrica da parte meridional é distinta da do resto do edificio, xa que está feita cun granito rosáceo. Esta parte correspóndese cunhas dependencias que, na súa orixe, estaban destinadas á cárcere.

As pedras de armas da súa fachada principal, relacionadas cos Bermúdez de Castro, xunto co arco de medio punto, sitúan ao Pazo no século XVI.

A importancia histórica deste Pazo vén motivada porque sobre a vila de Caión exerceu señorío a poderosa familia galega dos Bermúdez de Castro, señores de Montaos. Aquí construíron este edificio destinado a vivenda habitual. Un dos seus membros, Fernando Bermúdez de Castro, fundou en 1548 o convento de San Agustín. Logo, os seus frades pasaron a administrar a parroquia e a xestionar a construción da nova igrexa anexa.

Os señores de Montaos eran os donos xurisdicionais da vila e do seu porto, así coma das parroquias próximas. Recadaban os tributos aos veciños, que tiñan que pagar unha parte das colleitas e do gando por facer uso das terras feudais. Algúns destes privilexios acabaron legándollos aos frades agostiños a cambio de oracións póstumas polas súas almas.

No interior do pazo había un cárcere do que aínda quedou o topónimo atribuído ao areal próximo (praia do Cárcere Vello). A lenda conta que existía un túnel que comunicaba o pazo coa igrexa e con saída á praia.

Caión foi a única vila da Coruña cando Galicia aínda se dividía en sete provincias, entre o século XVII ata a primeira parte do XIX.